Coñece aos grupos pioneiros do rock en Pontevedra coas “Clases de historia”

O Local adáptamonos á situación de confinamento lanzando propostas e actividades de forma “online”. Coas “Clases de historia” queremos poñer en valor unha serie de bandas dos 60/70 que foron pioneiras da música na cidade de Pontevedra, e que as novas xeracións de mocidade deben coñecer.

Grazas Tino Domínguez pola túa axuda, información e o teu libro “Pontevedra a 45 r.p.m”. Foto cedida por diversos autores e Tino Domínguez. Tedes máis información no libro “Pontevedra a 45 r.p.m” de Tino Domínguez.

Dentro do local existe o proxecto “Rock&Lerez”, no que facemos unha documentación dos proxectos musicais da cidade. Pero había un oco: as bandas anteriores ao Local que foron pioneiras. Falamos de bandas que fixeron que a música na cidade sexa a que é.

LOS MICRONS

LOS MICRONS foi un grupo de pop-rock-soul dos 60/70. Chegaron a partillar escenarios con Shocking Blue, Christy, Santana, Hues Corporation, Albano e incluso cos Rolling Stones en Lausanne. O seu disco “Recuerdos” chegou a vender 40.000 copias. Chegaron incluso, a ter clube de fans.
A súa música pode escoitarse aquí: https://youtu.be/0ndgbsNAeEI

PLAY BOYS

“PLAY BOYS” foron un grupo dos anos 70. Tocaron por todo Galicia, en Madrid, Portugal e incluso en Suíza. Chegaron a gravar un disco cunha canción en galego chamada “Non volvas”.
O seu disco considérase “artículo de coleccionismo” e é moi difícil de atopar e escoitar.
➡️ https://www.todocoleccion.net/discos-vinilo/conjunto-play-boys-non-volvas-45-rpm-single-spot-audio-video-1975-pontevedra-cinematic-funk~x41533019#descripcion ⬅️

LOS STOKERS

Los Stokers tiñan unha importante cuadrilla de seguidores que se facían ver naqueles festivais que se facían no xa desaparecido Teatro Cinema Malvar e tamén o colexio Sagrado Corazón de Pontevedra organizaba as mañás dalgúns domingos estes musicais.
Chegaron a ter varias cancións propias que tiveron moito éxito e que hoxe en día xa as editasen en disco, pero naqueles anos era practicamente imposible facer algo parecido.

“Camino por la calleja,
todo ante mi está desierto,
y al fulgor de una luz vieja
se percibe al fondo el puerto…”

Así dicía unha daquelas cancións que levaba por titulo “Camino por la calleja”. 

A música era normalmente de Pepe, que tiña moito gancho e moito talento para compoñer, a letra xa era cousa do seu irmán Juan. A outra canción levaba por título “Contigo é diferente”.

“Escoitabamos todos os discos que chegaban ás nosas mans e tentabamos aprendelos o máis parecido posible e, ao mesmo tempo, ir facendo un repertorio acorde coas actuacións previstas naqueles momentos”.

THE ROYAL JUVENTS GROUP

 The Royal Juvents Group” son considerados os PIONEIROS da música rock da cidade. Tiveron entre as súas filas a “Mike” un colaborador dos Rolling Stones ou Moddy Blues, mercaron o primeiro  amplificador Marshall que chegou á península, e cuxo repertorio sacaban de discos, a música dos caballitos na época de verán ou dalgún  Lp que lles traían amigos que viaxaban a Londres. Daquela non existían os CDs, nin Spotify, nin internet, nin móbiles…

LOS VERDUGOS

“Los Verdugos“ nos 60, eran considerados un “Conxunto músico-vocal” e por toda Galicia levaban á xente máis nova música do momento (Bravos, Brincos, Pasos, Angeles, Mitos, Huracanes, Beatles, Bee Gees, e moitos máis).

Máis info na súa páxina de Facebook
➡️ https://www.facebook.com/Los-Verdugos-600619377077975/ ⬅️

LOS PHONIKS

Los Phoniks foron un dos grupos pioneiros, con bastante percorrido e un dos puntais do rock and roll da cidade de Pontevedra. Chegaron a tocar case todos os domingos durante dous anos para os mozos de Pontevedra e mesmo chegaron a inaugurar e estrear o Liceo Casino da Caeira, cun gran éxito.

 A Alameda de Pontevedra era outro dos seus moitos escenarios improvisados. Era moi fácil ver aos Phoniks ou parte deles tocando aos Beatles na Alameda rodeados dun gran número de rapaces que gozaban ao ritmo dos acordes do Baby’s in black.

CALIFORNIA

“California” tocaron nas salas máis coñecidas de Galicia ao longo e ancho. Salas como A  Miramar en Vilalonga,  Oseve en Vigo, Sala Avenida en Sanxenxo, Hermida 5000 na estrada de Vilagarcía, en Caleiro, na Goulla e tamén, por suposto non podía faltar, no Pino na avenida de Vigo en Pontevedra. Alí coincidiron con Julio Iglesias e  Mike Kennedy. Compartiron escenario cos Diaños, Os Puntos, Rumba 3, entre outros. 

LOS PÉNDULOS

“Los Péndulos” foron outro grupo de rock que naceron nos anos 60, coa peculiaridade de que un dos seus compoñentes era Carlos Valle, director do museo de Pontevedra. 

THE SINERS

“The Siners” é un grupo de finais dos 60, que só durou un par de anos, e que ensaiaban no que era coñecido como “O Local de Maceiras”, un local sen rematar, con chan de terra e onde, ás veces, levabas uns bos calambrazos.

LOS PONTIS

“Los Pontis” é un grupo de finais dos 60, que só durou un par de anos, que formou o antigo cantante dos “The Siners”. Tocaron en varias salas da provincia, pero non tanto como quixeran, xa que con 16 anos que tiñan os seus pais e nais non lle deixaban. Non era ben visto ser músicas naquela época… O grupo facía versións de grupos de pop do 60 como “Los Brincos”, “Los Mustangs” o “Los Pop Tops”.

LOS DRAKKARS

“Los Drakkars” son un grupo “músico-vocal” de 1966. Entre 1966 e 1968 actúan prácticamente en toda Galicia, e en 1968 gañan o “II Festival Gallego de la Canción Moderna”. Ao ser moi novos, os seus pais e nais non vían ben isto da música, polo que tiveron que escaparse de casa para ir a León durante dúas semanas a firmar un contrato de actuacións. En 1969 chegaron a compartir escenario con Victor Manuel. A Madrid chegan en 1970 actuando nunha sala de festas de Alcobendas durante unha fin de semana. Alí son localizados polos “cazatalentos” e aos poucos días chega a noticia: «Esta noite debutades en J.J.!». Aquilo foi definitivo porque esa sala, a JJ, era o máximo. Por alí pasaron os grandes grupos do momento. Algúns produtores musicais daquela épouca chegaron a interesarse por eles. O paso seguinte sería: LA CAMISETA.

LA CAMISETA

“La Camiseta” é o cambio de nome que se fixeron “Los Drakkars” en 1970, e con ese nome gravaron un disco de dous singles, “El Tenor” e “Lies”. O grupo como tal non durou moito tempo, volveron a cambiar de nome. 

QUEIMADA

“Queimada” é o novo nome de “La Camiseta”, tras cambiar de discográfica. En 1971 chega un dos seus éxitos, o single “Adonis”. En 1972, sacan un LP chamado “Claqueta: 1,2,3… y Queimada”. Tocaron en moitísimos concertos e foron o primeiro grupo galego en aparecer na TVE. Triunfaron. Coincidiron e coñeceron a Camilo Sesto, Ana Belén, Víctor Manuel, Mari Trini… e até colaboraron nalgún dos seus discos. 
Aquí podes escoitar “Adonis”: https://youtu.be/7tUmkYywdV4

THE BLACK STONES

“Black Stones” quizais sexa o grupo máis coñecido dos que levamos falado até agora, xa que na actualidade seguen en activo e en 2019 fixeron o seu 50º aniversario.  Hai moitos vídeos en youtube, tocan en directo moi a miúdo e son moi recoñecidos pola súa traxectoria. Neste artigo de “Diario de Pontevedra” tendes moita info sobre eles: https://www.diariodepontevedra.es/articulo/pontevedra/medio-siglode-black-stones/201911231436381062230.html

Grazas Tino Domínguez pola túa axuda, información e o teu libro “Pontevedra a 45 r.p.m”. Foto cedida por diversos autores e Tino Domínguez. Tedes máis información no libro “Pontevedra a 45 r.p.m” de Tino Domínguez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


The reCAPTCHA verification period has expired. Please reload the page.