O Galegoterock recupera a súa esencia na súa décima edición

O Galegoterock 2022 será os días 28, 29 e 30 de abril en sesións de tarde e de mañá en distintos locais da cidade.

O Galegote busca poñer en valor o galego nos circuítos comerciais e nas salas, e aposta por programar música de calidade feita en galego e dende Galiza.

Galegoterock volve aos locais de Pontevedra recuperando a súa esencia, logo de dous anos de pandemia. O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña presentou esta mañá a décima edición que se celebrará os vindeiros 28, 29 e 30 de abril cos obxectivos de
poñer en valor “a nosa Lingua nos circuítos comerciais e nas salas onde a Lingua galega ten cabida con éxito”.

Lembrou que o Galegoterock “é unha aposta por programar música de calidade feita en galego e dende Galiza, porque a música de calidade tamén é en galego”.

O concelleiro destacou a calidade de todas as bandas participantes, pero especialmente a volta de Ruxe Ruxe que acompañou ao Galegote na súa primeira edición, así como a participación dos máis cativos do Local de Música a través do proxecto Xeración sónica.

A presentación do Galegoterock 2022 faise a través dun vídeo que recolle o espírito da xeración Xabarín “revindicando que somos de aquí, cunha forma de ser propia”.

Alberto Oubiña lembrou que os dez anos do Galegoterock son “dez anos para reivindicar a lingua e a música en galego”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


The reCAPTCHA verification period has expired. Please reload the page.