Híbridas en Santa Clara, seis ciclos culturais cun escenario único.

Híbridas en Santa Clara, seis ciclos culturais que reinventan a antiga igrexa do lugar e fan dela un escenario único na cidade.


Máis de trinta actividades e máis de trinta artistas forman parte do programa de Híbridas, que durante abril e maio poderá ser gozado totalmente de balde no novo espazo municipal.


O Concello de Pontevedra logrou en tempo récord xerar unha ambiciosa e ecléctica programación que vai desde a danza ao cinema, pasando pola música, permitindo, por vez primeira desde a adquisición pública, escoitar o órgano de varios séculos de idade que permanece en Santa Clara.


Igual que a primavera comeza a agromar, Santa Clara fará ao propio ao longo dos meses de abril e maio. A antiga igrexa do novo espazo municipal será o escenario de Híbridas, unha das programacións máis ambiciosas desde 2022 para a cidade de Pontevedra, ao ofertar un total de máis de trinta actuacións da man de máis de trinta artistas diferentes.

Híbridas en Santa Clara é o nome que fai de paraugas a seis ciclos distintos que agrupan unha serie de espectáculos de índole variada e ecléctica, que van desde a danza ao cinema, pasando como non podía ser doutro xeito pola música ou a interpretación.

Levan por nome: Mesturas, Danza, Desconecta, Sons no Retablo, Pianos e Música sen Palabras. Unha serie de espectáculos que encherán de ocio e cultura a igrexa de Santa Clara e no que figuran nomes como Samudra Trío, Rosalía Gómez Lasheras, Kirenia Danza, Alberto Vilas, Deleria, a Orquesta Clásica de Vigo, Goretti Gómez ou Brais González. Unha mestura heteroxénea, que pon o foco no talento local e de proximidade, e que amosará o inxente bo facer dos artistas galegos que compoñen a programación.

Trátase dunha programación realmente única, deseñada en exclusiva para Santa Clara, e que procurará mesturar estilos, formatos, e dalgún xeito omnipresente, o contraste entre o espazo e os contidos presentados.

«Ao longo destes meses pasaron por Santa Clara miles de persoas», indicou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, durante a presentación de Híbridas en Santa Clara. «Tamén iniciamos a conversión da igrexa nun espazo cultural, que xa acolleu conferencias e
actividades varias, pero é hoxe o día que presentamos un programa realmente ambicioso para os vindeiros meses, un programa que inclúe actividades de moitas disciplinas artísticas. Son pensadas expresamente para este espazo, o que me leva a felicitar a todas aquelas persoas que formaron parte da súa elaboración, pois é un programa realmente ambicioso, que me enche de orgullo, e que cando vin pensei que era imposíbel reunir e promover algo así en apenas catro meses desde que adquirimos Santa Clara».

A entrada para todas as actividades será de balde até chegar ao límite do foro. É dicir, non será precisa ningunha reserva para ningunha das actuacións. Porén, desde o Concello de Pontevedra ofrécese o consello de tentar acudir con tempo a calquera delas, para non quedar sen un dos prezados sitios. Por norma xeral, haberá 155 cadeiras.

O programa comezará o 8 de abril, coa actuación de Caamaño & Ameixeiras e rematará o 29 de maio, con Apatacón. Faia Díaz e Vero Rilo. A maioría dos espectáculos serán de tarde, ás 20 horas, mais tamén haberá algunha cita de mañá —algo despois do mediodía—. O programa completo pode ser descargado a través dos códigos QR que se atopan nos carteis de Híbridas en Santa Clara que xa están por toda a cidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


The reCAPTCHA verification period has expired. Please reload the page.