Inscríbete no LP3, mentorización para 4 bandas (TOP) de Pontevedra

Es unha banda (TOP) de Pontevedra pero non sabes que che falta para “petalo”? Notas que o teu proxecto está estancado e precisas un empurrón? Pois no LP3 axúdamosche de forma individualizada indo ao foco do problema da banda, para que teñas ferramentas para dar un paso adiante na túa carreira.

Mentres que no LP1 traballamos a chegada ao Local, o uso dos equipos e conceptos básicos; e no LP2 traballamos en base a como afrontar un concerto en directo o LP3 está enfocado a 4 bandas que xa teñan certa traxectoria e experiencia. Iremos da vosa man e de forma individual para dar un “acelerón”.

Como todo o que facemos no Local, o LP3 é completamente gratuíto. Deixamos as bases do proxecto e ⬇️⬇️ ao final da páxina, o formulario de inscrición ⬇️⬇️

Bases de inscrición agora, abaixo de todo o ⬇️⬇️ formulario de inscrición ⬇️⬇️

LP3 2021

1-INTRODUCIÓN

O Local de Música, pertencente ao Departamento de Xuventude do Concello de Pontevedra, promoven “LP3” para a mentorización de 4 bandas no seu proceso de profesionalización. Buscan potenciar a bandas xa consolidadas para achegalas ao mercado e promover a escena musical pontevedresa.

Os obxectivos principais son:

  • Ofertar unha mentorización individual para axudar aos grupos de Pontevedra a estruturar un proceso de traballo e de mellora sobre o que precise o seu proxecto artístico.
  • Presentar á industria musical unha mostra da escena musical independente da cidade.
  • Ofrecer aos grupos xa consolidados oportunidades para estar en contacto co mundo profesional e avanzar na súa carreira artística.

2-EN QUE CONSISTE

Os LP’s son un itinerario formativo que levamos facendo no Local desde hai case 10 anos. Un sistema que abarca as principais áreas de coñecemento que debe manexar unha persoa que pretenda camiñar pola senda da industria musical actual.

Dividímolo en 2 niveis: LP1 e LP2

-LP1 é unha “posta a punto” en temas básicos para comezar no local de música

-LP2 faise antes dos concertos de verán e trata de “adestrar” aos grupos para saír a tocar aos escenarios

Agora engadimos outro nivel, LP3.

O LP3 ten unha intención de mentorización e seguimento individual de cada unha das 4 bandas. Parte dun compromiso de artistas que xa teñan algo de traxectoria e traballo feito para mellorar en aspectos máis avanzados que o lp1 e lp2. De modo consensuado traballaremos no que máis precise a banda para que poidan dar un “acelerón” nas súas carreiras artísticas.

Management, comunicación, marketing, son de banda, gravación, home studio, monetización…

Feito a través de reunións online e dos contidos da aula virtual do local, os grupos gravarán unha canción e rematarán preparando e dando un concerto en directo online

Poderán apuntarse ao proceso unha ou varias persoas compoñentes dos 4 grupos para as formacións.

O LP3 divídese en:

  • Sesión grupal inicial: Faremos unha primeira sesión de explicación e coordinación con todos os grupos á vez o 9 de marzo.
  • Mentorizacións: Os 4 grupos farán 3 sesións de 2h cada unha, podendo escoller os contidos das últimas dúas.
  • Escola en liña do Local: A nova plataforma de formación en liña que temos estará dispoñible para o acceso dos 4 grupos.
  • Asesoramento: Os 4 grupos disporán de citas online para as dúbidas que lle xurdan das formacións.
  • Gravación de canción: Gravaremos unha canción por grupo no Local de música, onde aproveitaremos para traballar e mellorar o proceso das bandas en estudio.
  • Concerto en streaming: Acordaremos día para facer un concerto en streaming desde o Local, e aproveitaremos para ensinar como facelo.

3-PARTICIPACIÓN.

Poderán participar todas aquelas bandas ou solistas con compoñentes con idades superiores aos 16 anos sempre que polo menos un compoñente do grupo estea empadroada/o no Concello de Pontevedra.

As persoas compoñentes dos grupos menores de idade afirmarán ter o consentimento de pais/nais ou titores no momento de inscribirse. En caso de resultar seleccionadas/os solicitaráselles unha autorización formal, firmada e por escrito.

Debido ás medidas de seguridade derivadas da COVID-19 o número máximo de persoas integrantes do grupo é de 5. De ser máis persoas non poderían gravar todas a actuación en directo dentro das instalacións do Local.

A matrícula da mentorización será totalmente GRATUÍTA.

4-DATAS e FASES.

  • Pre-Inscrición: Até o 7 de marzo de 2021 ás 23:59h.
  • Selección: 8 de marzo de 2021.
  • Sesión inicial grupal: 9 de marzo de 2021
  • Mentorizacións: 10 a 25 de marzo de 2021.
  • Gravacións das cancións: Do 6 de abril ao 14 de maio (No Local)
  • Concerto en streaming: Data por anunciar

5-INSCRICIÓN

⬇️⬇️ As inscricións poderán facerse unicamente desde un formulario web que está abaixo de todo ⬇️⬇️
A data límite para a recollida de inscricións será o 7 de marzo de 2021 ás 23:59h.

6-DATOS PARA A PRE-INSCRICIÓN

O formulario solicitará os datos principais dos 4 grupos e dos seus compoñentes.

Como información chave para preselección do xurado, haberá que presentar:

  1. Descrición breve do grupo e traxectoria, traballos,…
  2. Como información complementaria deberán poñerse ligazóns de interese: Audios, vídeos, redes sociais, web,…

A organización poderá subir e compartir a información dos grupos apuntados ou outra que considere de interese nos seus espazos de difusión web (facebook, blog…)

7-SELECCIÓN

O local de Música exercerá de oficina técnica do proxecto e valorará a información enviada polos grupos. A organización comprobará que as bandas inscritas cumpran os criterios das bases. Aquelas que non teñan a información solicitada non serán admitidas. A preselección consistirá nunha revisión do material solicitado de cada un dos grupos presentados.

Terase en conta

  • A calidade técnica e musical.
  • A profesionalidade e consistencia do proxecto musical.
  • Ter música propia lanzada e ter actuado en concertos en directo (online ou presencial)
  • Ter unha traxectoria ou experiencia suficiente como para precisar mentorización avanzada.
  • Daremos prioridade a  bandas que teñan participado xa en LP1 e/ou LP2.

No caso de empate, teranse en conta os seguintes criterios:

  1. Somos galegas e galegos. O noso idioma é, unha vez máis, a chave coa que abrir moitas portas. O uso do galego será un factor importante.
  •  Cremos nun mundo feminista, no que mulleres e homes somos iguais. Por iso, que as formacións estean compostas  por persoas de ambos os dous sexos será tamén outro dos factores a ter en conta.

A organización colgará información sobre os 4 grupos seleccionados nos seus espazos de difusión web.

AVISO IMPORTANTE: programación suxeita á evolución da pandemia COVID-19. As actividades poderán sufrir modificacións así como a súa suspensión debido á situación sanitaria actual.

⬇️⬇️ FORMULARIO DE INSCRICIÓN ⬇️⬇️

Podes facelo desde aquí ou desde a ligazón: https://forms.gle/3CGyjKF1aTG3neMM9

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio