O programa Noites Abertas realizará en 2022 máis de 180 sesións grazas ao traballo de 115 monitoras, co obxectivo de crear novos espazos de aprendizaxe, ocio, diversión e socialización.
A edición deste ano mestura actividades clásicas como a Cestaría ou a Risoterapia, xunto con novas propostas como O Xogo da Lura ou a creación dun novo espazo de reunión na Casa Azul chamado A Lámpada Marabillosa, proposto por alumnado da cidade.
O Local de música volvemos como de costume a ofertar actividades dentro do programa, e tamén somos centro de referencia de outras actividades.
Venres 18 de marzo:
Rap: ritmos e letras para crear sen metas
Batería iniciación
Venres 25 de marzo:
Rap: ritmos e letras para crear sen metas
Batería iniciación
Sábado 26 de marzo:
Djing iniciación (ACTIVIDADE IMPARTIDA POLO PROPIO DO LOCAL DE MÚSICA)
Venres 1 de abril:
Rap: ritmos e letras para crear sen metas
Batería iniciación
Sábado 2 de abril:
Música Electrónica iniciación (ACTIVIDADE IMPARTIDA POLO PROPIO LOCAL DE MÚSICA)
Venres 22 de abril:
Síntete unha estrela de rock
Sábado 23 de abril:
Relax ASMR iniciación (ACTIVIDADE IMPARTIDA POLO PROPIO LOCAL DE MÚSICA)
Venres 29 de abril:
Síntete unha estrela de rock
Pontevedra volverá mergullarse nas Noites Abertas, o icónico programa creado pola área de Xuventude, que foi quen de sementar éxitos e eloxios ao longo de máis de dúas décadas, tan só interrompindo a súa actividade coa pandemia mundial provocada pola Covid-19.
Noites Abertas regresa, está de volta, do xeito «máis normal posíbel», tendo en conta que a pandemia aínda non rematou, pero semella albiscar un posíbel final. «A edición 21 de Noites Abertas, que sería a do ano 2020, ía ser a edición, de seguro, a máis potente tanto polo número e calidade das propostas e polo nivel de participación que estaba previsto acadar. Chegou a pandemia e truncouse, confinámonos. No 2021 decidimos seguir para adiante cunha edición primeiro en dixital e logo nas rúas, con inscricións previas, que moi rara vez eran necesarias, tiveron que ser aplicadas. Apostamos pola cultura e pola dinamización, polo encontro da mocidade e, unha vez máis, foi un ano duro para o ocio. Cremos que debemos seguir apostando pola mocidade, e así o facemos con esta edición que presentamos hoxe», comezou a súa intervención o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña.
O edil sinalou que a pandemia segue aí, pero si haberá un achegamento case total á normalidade, seguindo a normativa sanitaria vixente. «Noites Abertas recobra o pulso con 84 actividades diferentes en diversos eidos», explica. Así, o programa recolle citas físico-deportivas, creativas, de cociña, de expresión artística, de xogo, de danza, de saúde e benestar, medio ambientais… «Son actividades diversas, tremendamente diversas, como é a mocidade».
Todas as actividades serán de balde e están destinadas a persoas de entre 12 e 30 anos (con algunha excepción neste apartado da idade en concreto, mais estará indicado no programa). As propostas proveñen de diferentes sectores da poboación: autónomos e empresas, asociacións e clubes e tamén propostas individuais ou colectivos non formais.
«Préstanos incidir neste último grupo, o de colectivos non formais ou individuos que aínda non están no réxime laboral, pois son na súa gran maioría xente moza, e consideramos que pode ser un termómetro xenial para poñer en actividades para a mocidade creadas pola propia mocidade. Non podemos facer unha programación xuvenil sen contar con ela, e nós queremos poñelos no centro, facendo que sexan os actores e as actrices principais de Noites Abertas», puntualizou Oubiña.
Dentro das actividades que inclúe o programa aparecen algunhas clásicas como a Cestaría, Billarda, Esgrima —desta volta con sables de luz—, Risoterapia, Batería… Que conviven con outras novidades, como O Xogo da Lura ou A Lámpada Marabillosa. Esta última é en realidade unha cita que non é cita. É un espazo novo onde socializar, sen maior obxectivo, mais ao mesmo tempo telos todos. É un espazo promovido por un grupo de alumnas do IES Valle-Inclán concibido como un lugar de relax, onde poder estar sen ter actividade, «onde por ir cos colegas, sen actividades previstas, pero que terá mesas, cadeiras, sofás, xogos de mesa, intercambio de cómics… É un espazo aberto para todo e todas, na Casa Azul, todos os días que haxa actividades, desde a apertura ao peche do edificio, que muda un pouco segundo as actividades que acolla».
O concelleiro de Xuventude lembrou que tamén se apostará pola formación e creación de espazos seguros no referente á igualdade, onde todo o mundo poderá aprender e vivir sen medo e sen presións de ningunha clase. Tamén segue en vigor o convenio con Xuntos, para que persoas que contacten coa Asociación de Síndrome de Down de Pontevedra, poidan acudir ás actividades e conten co apoio que precisen.
O luns, 7 de marzo, ás 19 horas, será realizada a xuntanza con todo o monitorado que formará parte de Noites Abertas este ano, onde serán repasadas as diferentes normas de desenvolvemento e seguridade deste ano, que tamén incluirá a normativa Covid. O mesmo día será iniciada a difusión e promoción polos centros educativos do municipio do programa, que este ano volve contar para o seu deseño co talento de Sara Ricoy, «versátil e con múltiples aplicacións», segundo indicou o edil. O orzamento deste ano está preto dos 70.000 euros que permitirán a realización de 84 actividades diferentes, cun total de 187 sesións que implicarán a 115 monitoras.
«Agardamos que esta edición sexa a da recuperación definitiva onde agardamos vernos as caras e onde poder atopar un espazo de socialización para a mocidade onde cabe a diversión, a aprendizaxe e o ocio; e que algún deses mozos, o día de mañá presenten as súas propias propostas para un programa que agora cumpre 23 anos», finalizou Oubiña.