Comunicado Oficial: O Local de música seguimos funcionando en liña

O Local adáptamonos á situación de confinamento lanzando propostas e actividades de forma “online”. O coronavirus fixo que se suspenderan as actividades nas instalacións do Local de música de Pontevedra, deixando a centos de persoas usuarias sen a posibilidade de ensaio.

Mais no Local préstanse moitos outros servizos a parte do de ensaio; como os de asesoramento aos grupos, formación, orientación para a profesionalización, a comunicación e xestión das redes, dinamización sociocultural con actividades musicais. Nas últimas semanas traballouse arreo para a súa adaptación ao mundo “online”. Moitos destes cambios quedarán como servizos estables.

Outros dos proxectos que se levan a cabo como o “Rock&Lerez” (a recopilación, gravación e publicación en youtube das bandas da cidade), o “Music Lab” (un laboratorio de innovación musical), as formacións para os músicos e as formacións específicas que ían facendo de forma continua; seguirán a facerse no mundo dixital.

Un dos primeiros cambios é o novo horario. A actividade do Local de música pasa a ser de luns a venres de 10:00h a 14:00h, e de 16:00h a 20:00h.

No Local levamos moitos anos dixitalizando procesos, integrando aplicacións na xestión e “fozando” con moita tecnoloxía, por iso, nestas semanas fíxose un esforzo extra para adaptar o proxecto do Local e poder seguir funcionando en liña mentres dure este estado.

Até agora, a maior parte do “esforzo público” durante o confinamento foi a xestión de redes sociais e o blog, no que chamamos o “FRONT”, esa parte pública do traballo. Fixémolo coa proposta “O LOCAL ONLINE”, que se pode ver nas nosas redes ou resumida neste “wall”: https://walls.io/f5qcx


A proposta de “O Local Online” foise readaptando segundo o interese das persoas usuarias namentres se argallaban as novidades do proxecto; e constou das seguintes partes:

– MUSIC LAB:
No Music Lab tratamos de achegar o uso de novas tecnoloxías. Realidade virtual e aumentada, videomapping, App’s de creación, ferramentas online, softwares…
– CLASE DE HISTORIA:
Dentro do local existe o proxecto “Rock&Lerez”, no que facemos unha documentación dos proxectos musicais da cidade. Pero había un oco: as bandas anteriores ao Local que foron pioneiras. Falamos de bandas que fixeron que a música na cidade sexa a que é.
– IEOMGDHDP:
Como medida de participación cidadá gamificada estamos a escoller entre toda a audiencia online, “o mellor grupo da historia de Pontevedra”.
– MATERIAL DIDÁCTICO:
Poñemos a disposición das audiencias de redes material de estudo, investigación ou de experimentación. Titoriais, artigos, clases ou solucións dixitais.
– DEBERES:
Como inicio dun movemento colaborativo, propoñemos concertos históricos “imprescindibles”. Concertos míticos para ver, escoitar e aprender.

Mentres isto ocorría, desenvolveuse o “BACK”, a trastenda, para argallar as
melloras nas estruturas de xestión do Local para a nova forma de facer. Estas son as GRANDES NOVIDADES do Local.

REDESEÑO DA WEB www.localdemusica.gal:

Melloramos aspectos como as funcionalidades para os administradores, as melloras para as visitas e a experiencia de usuario na parte privada.

AULA VIRTUAL
https://www.escola-localdemusica.org:

Creamos unha plataforma web, vinculada á páxina do Local dedicada ás formacións dos chamados “Lp’s”, unha serie de formacións de diferentes temas de ámbito musical, que facemos durante o ano a diferentes niveis. Temas de son, concepto de banda, organización interna, como conseguir concertos, producción de eventos, comunicación, marketing, tecnoloxía…

ESTE NOVO BLOG:

Creamos esta plataforma específica de blogging. A través del comezaremos unha nova etapa na comunicación e actividade do Local.

CITAS ONLINE:

En vez de ensaios no local, faremos un seguemento individual e personalizado abrimos un calendario de reservas de citas co persoal do Local, onde se poderá recibir formación, pedir axuda, consello ou simplemente saudarnos e falar con nós. Está xa disponible dentro dos espazos privados de usuarios da web do local.

Nos próximos días diremos a ligazón onde facer a reserva de cita. Mentres tanto podes revisar os cambios na web, ler o blog e deixarnos as túas dúbidas ou suxerencias do xeito que mellor te veña (email, comentarios, privado por redes sociais, whatsapp…)

Seguimos con forza, Pontevedra Ferve.

2 pensando en “Comunicado Oficial: O Local de música seguimos funcionando en liña

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio