O Surfing the Lérez regresa á Illa do Covo con tres días de festival 

O Surfing the Lérez regresa á Illa do Covo na súa décima edición con tres días de música e actividades.

Alén dos concertos, haberá obradoiros infantís, obradoiros de memoria histórica e actividades gastronómicas de profesionais da cidade.

A romaría urbana do Sufing the Lérez recupérase logo de dous anos sen pode ser celebrada por mor das restricións sanitarias que trouxo a Covid-19.

Dentro de vinte días, a Boa Vila vivirá un reencontro máis que agardado por boa parte da súa veciñanza —e máis aló das fronteiras pontevedresas—. O Surfing the Lérez, o festival e romaría urbana da cidade, regresa logo de dous anos sen poder ser celebrado por mor das restricións sanitarias impostas para deter o avance da Covid-19, e que agora semella quedar atrás finalmente.

O Surfing the Lérez volve con ánimos renovados, con tres xornadas de música e actividades en directo, entre o 23 e o 25 de xuño, coincidindo nunha data tan sinalada como é a propia celebración do San Xoán, e mesmo aproveitando a festividade para coller un novo impulso. A Illa do Covo volverá ser o escenario principal da festa, que contará con varios escenarios onde distribuír as ducias de concertos que se sucederán ao longo do día.

«Sen dúbida, esta será a cita que abra o verán de Pontevedra. Foron dous anos moi duros e moi longos estes últimos; na saúde, no sociedade, no sector cultural… Volve o Surfing, a décima edición xa, oito anos xa na beira do río», lembrou a concelleira de Festas, Carme da Silva. «É un festival que de forma moi valente apostou por ser un festival de día, orientado a todos os públicos, cunha compoñente infantil e dirixida ao público familiar moi importante e, ademais, que seguirá a ser de balde; unha romaría a que poder ir comer, beber, bailar, falar, cantar e, desta vez, con ese contacto coa música en directo e coas persoas que nos acompañarán nesta cita».

O cartel desta edición está composto en exclusiva por grupos galegos, mais pon o foco tamén sobre a escena pontevedresa local, con representantes coma Queco Lago, Uncle Doc & The Homeboys ou Carlota Crey. «É un Surfing que nace en Pontevedra, coa súa creatividade, é que aposta por darlle voz e escenario a músicos e grupos da cidade. Desde os 3 anos até onde sexa. O escenario infantil será algo marabilloso», finalizou a edil.

Igual que outros anos, se ben a entrada é de balde, existe unha colaboración de recollida de alimentos coa Rede Axuda, co fin de entregar algún tipo de alimento ao entrar no recinto. Doutra banda, ademais dos concertos, están previstos obradoiros infantís, actividades de memoria, xogos e postos de gastronomía impulsados por hostaleiros locais. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


The reCAPTCHA verification period has expired. Please reload the page.