A escena musical de Pontevedra mobilízase no certame X XELA

O 17 de maio ás 19h na praza da Ferraría terá lugar o evento poético-musical no que se anunciará a banda gañadora do certame X Xela, onde o Local fomos xurado.

As tres bandas finalistas, Tíbet 1990, Nacho Mora e Río Verdugo, intercalarán as súas actuacións cun recital a cargo das poetas Tamara Andrés, Miriam Ferradáns, Regina Touceda e Elvira Ribeiro.

Quince bandas pontevedresas participaron no Certame X Xela musicando poemas da escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano.

“Estamos exultantes porque a escena musical de Pontevedra ‘lo peta” comentou o concelleiro Alberto Oubiña, engadindo que “sempre que se lle fai unha proposta sempre responde” e que “existe un desborde de creatividade que nos pon na picotoa e isto visualízase no número de bandas que participaron no certame e coa calidade coa que o fixeron”. Neste contexto, puxo o acento en que “isto está pasando aquí, en Pontevedra, non en Nueva York nin en Estocolmo nin noutro lugar do mundo, e é un verdadeiro orgullo ver o talento musical que ten esta cidade”.

Asegurou que o número de bandas que se presentaron no X Xela “rebentou todas as expectativas que tiñamos e ademais é unha pasada descubrir que Xela esperta tanto interese nos creadores e creadoras pontevedresas e en tan diferentes estilos, desde canción de autoría a pop, pasando polo rock, ska, folk, ou electrónica”. Dos 15 poemas musicados polas bandas participantes, un xurado composto por persoas do ámbito musical, escolleu as tres bandas finalistas. O xurado estivo formado por Cora Velasco, intérprete e compositora; Marcos Rivas, programador musical da Sala karma; Patricia Hermida, manager de artistas como Heredeiros da Crus ou Agoraphobia; Marcos Rodríguez, xestor do Local de Música de Pontevedra e Teresa Cuíñas, xornalista musical.

One thought on “A escena musical de Pontevedra mobilízase no certame X XELA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


The reCAPTCHA verification period has expired. Please reload the page.